Fundación USC Deportiva USC
Inicio > Actualidade > Novas > Nova

Nova

Presentado o Verán CampUSC 2017

[26/04/2017] Na mañá do martes 26 e abril, a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez Pérez; a concelleira de Igualdade de Compostela, Marta Lois González; e o xerente da Fundación USC Deportiva, Óscar Hermida Otero, presentaron o Verán CampUSC 2017, programa de lecer e iniciación deportiva que organiza a Fundación USC Deportiva por encomenda da Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da USC e que conta coa colaboración da Oficina de Igualdade de Xénero, o Servizo de Deportes da USC e a Concellería de Igualdade de Compostela.

O Verán CampUSC está dirixido a rapaces e rapazas de 3 a 13 anos co obxectivo de favorecer a conciliación familiar e laboral das familias durante o verán. Como en edicións anteriores consta de 5 quendas desde finais de xuño, durante o mes de xullo e na primeira semana de setembro, cada unha con 100 prazas: 70 reservadas á comunidade universitaria e persoal da Fundación USC Deportiva e 30 para público non ligado á USC.

En cada quenda haberá actividades de iniciación deportiva, obradoiros (modelaxe, pintura, recortables ou papiroflexia), visitas (como a programada ao Aquapark de Cerceda) e actividades lúdicas para fomentar o desenvolvemento psíquico-físico e traballar os valores da igualdade, a cooperación e a cultura do esforzo.

Toda a información sobre quendas, prezos e procedementos de preinscrición e matrícula pode consultarse neste cartafol do Verán Campus 2017 ou descargando as Bases do Verán CampUSC 2017.