Fundación USC Deportiva USC
Inicio > A Fundación > Estatutos

Estatutos

A Fundación USC Deportiva, para a definición da súa misión e obxecto, goberno, réxime económico e establecemento de uso de recursos e determinación de beneficiarios, dótase dos presentes estatutos.

Título I Disposicións Xerais | Título II. Obxecto da Fundación | Título III. Regras básicas para a aplicación de recursos ao cumprimento dos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios | Título IV. Goberno da Fundación. O Padroado | Título V. Réxime económico | Título VI. Da modificación, fusión ou extinción

Título I Disposicións Xerais

Artigo 1. Denominación e natureza

Ao abeiro do dereito recoñecido no artigo 34.1 da Constitución española, constitúese como fundación de interese galego a "Fundación USC DEPORTIVA" (en adiante Fundación). O seu patrimonio estará afectado de xeito duradeiro á realización dos fins de interese xeral propios da Fundación.

Artigo 2. Personalidade e capacidade

A Fundación constituída, unha vez inscrita no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, ten personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar, podendo realizar, por conseguinte, todos aqueles actos que sexan necesarios para o cumprimento da finalidade para a que foi creada, con suxeición ao estabelecido no ordenamento xurídico.

Artigo 3. Réxime xurídico

A Fundación ten carácter permanente e a súa duración será indefinida.

A Fundación rexerase pola vontade dos seus fundadores, manifestada nos presentes Estatutos, polos acordos que, en interpretación e desenvolvemento daquela vontade, estabeleza o Padroado, pola Lei 12/2006, do 1 de decembro, de Fundacións de interese galego e pola súa normativa de desenvolvemento.

Do mesmo modo, tamén se rexerá polas disposicións que lle sexan aplicables da Lei 50/2002, de 26 de decembro, de Fundacións; pola Lei 49/2002, de 23 de decembro de Réxime Fiscal das Entidades sen fins lucrativos e dos Incentivos Fiscais ao Mecenado, e demais lexislación que lle sexa aplicable.

Artigo 4. Enderezo

O domicilio da Fundación fíxase no Edificio FEUGA. Despachos 2 e 3. Rúa Lope Gómez de Marzoa s/n. 15705 Santiago de Compostela. O Padroado poderá estabelecer delegacións noutras localidades distintas ás anteriores.

Artigo 5. Ámbito de actuación

A Fundación desenvolverá a súa actividade na Comunidade Autónoma Galega sen prexuízo de poder acometer actuacións fora de Galiza cando estas tiveren por obxecto a consecución de fins relacionados co seu obxecto fundacional.

Título II. Obxecto da Fundación

Artigo 6. Fins

A Fundación ten por finalidade principal a promoción, incentivo e desenvolvemento da actividade físico - deportiva universitaria, preferentemente na Comunidade Autónoma Galega.

Artigo 7. Actividades fundacionais

Para a consecución dos fins mencionados no artigo anterior a Fundación poderá levar a cabo, entre outras cousas, as seguintes actividades:

  • Xestión, prestación, organización e realización de actividades e servizos relacionados co ocio e tempo libre de tipo deportivo, cultural e social.
  • Exercicio das actividades económicas precisas para o cumprimento dos seus fins, así como todas aquelas accións subordinadas ou accesorias á actividade principal.
  • Organización, preparación e apoio de eventos relacionados coa actividade físico-deportiva a celebrar na Comunidade Autónoma Galega.
  • Realización de actividades encamiñadas a involucrar os medios de comunicación no proceso de divulgación, promoción e fomento da práctica deportiva.
  • Celebración de cursos, seminarios, conferencias, etc.. para a formación de universitarios, técnicos e deportistas, así como a elaboración, edición, publicación e venda de libros, revistas, folletos, material audiovisual e material multimedia, ou actividades semellantes relacionadas cos fins da Fundación.
  • Uso, xestión e/ou explotación de instalacións deportivas e equipamentos de titularidade propia ou allea.Colaboración coas administracións públicas e con institucións e empresas públicas e privadas para o fomento do deporte universitario.
  • Calquera outra actuación que, directa ou indirectamente, favoreza a mellora do deporte e a práctica deportiva na Comunidade Autónoma de Galiza.A xestión do deporte federado da USC.
  • A organización e realización de representacións culturais, musicais, cinematográficas, teatrais, coreográficas, circenses ou actividades semellantes, que contribúan aos fins da Fundación.

Artigo 8. Liberdade de actuación

O Padroado terá plena liberdade para determinar as actividades da Fundación, tendentes á consecución daqueles obxectivos concretos que, a xuízo daquel e dentro do cumprimento dos seus fins, sexan os máis axeitados ou convenientes para cada momento.

Título III. Regras básicas para a aplicación de recursos ao cumprimento dos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios

Artigo 9. Destino das rendas e ingresos

Á realización dos fins fundacionais deberá ser destinado, polo menos, o setenta por cento dos resultados das explotacións económicas que se desenvolvan e dos ingresos que se obteñan por calquera concepto, deducidos os gastos realizados para a súa obtención, debéndose destinar o resto a incrementar a dotación fundacional ou as reservas segundo acordo adoptado polo padroado. Non se incluirán no cálculo dos ingresos as doazóns recibidas en concepto de dotación.

Os gastos de administración non poderán superar a porcentaxe fixada na lexislación vixente.

Artigo 10. Beneficiarios

O beneficiario dos fins fundacionais, e de todas e cada unha das actividades da Fundación, será a sociedade galega na súa calidade de receptora da actividade de fomento do deporte e da práctica deportiva.

Título IV. Goberno da Fundación. O Padroado

Artigo 11. Natureza

O Padroado é o máximo órgano de goberno, representación e administración da Fundación, e executará as funcións que lle corresponden de conformidade coa lexislación vixente e co estabelecido nos presentes Estatutos.

Artigo 12. Composición e Organización

O Padroado estará composto por un máximo de doce persoas e por un mínimo de tres. O primeiro padroado será o designado na escritura de constitución.

A presidencia da Fundación corresponderá ao Sr/a. Reitor/a da Universidade de Santiago de Compostela e a Vicepresidencia ao Sr. Vicerreitor/a con competencias na actividade físico-deportiva no ámbito da USC.

A Secretaría da Fundación poderá ser elixida de entre os membros do Padroado ou poderá ser designada polo/a presidente/a da Fundación, no caso de ser persoa allea ao mesmo. Neste último caso asistirá as reunións con voz mais sen voto.

O restantes membros do padroado serán designados: pola USC, que poderá designará até cinco membros máis, e no seu caso, polas entidades que adhiran á Fundación, nun número nunca igual ou superior á representación da USC.

O padroado poderá nomear un/ha tesoureiro/a, que poderá ser membro do padroado ou persoa allea ao mesmo. A ser persoa allea ao mesmo, asistirá as reunións con voz mais sen voto.

A composición do Padroado poderá modificarse por maioría dos dous terzos dos seus membros, en xunta extraordinaria convocada ao efecto. O acordo será comunicado ao Rexistro de Fundacións de Interese Galego para a inscrición no mesmo.

En caso de incapacidade para o desempeño das funcións ou falecemento dalgún dos membros, procederase ao nomeamento dun novo. Esta designación será comunicada ao Rexistro de Fundacións para a súa inscrición no mesmo. A mesma previsión observarase con cantos novos membros se incorporaren no futuro á fundación.

O Padroado poderá nomear "Patrón/oa de Honra", aquelas persoas físicas ou xurídicas que contribúan de xeito salientábel para a consecución dos fins e obxectivos da Fundación.

Artigo 13. Designación e duración do mandato

No seu caso, os membros do Padroado que sexan persoas xurídicas deberán nomear a persoa ou persoas físicas que os representen, de acordo coas súas normas de funcionamento, os cales deberán deixar constancia da súa aceptación conforme á Lei de Fundacións de Interese Galego.

Os membros do padroado ostentarán a súa condición de xeito indefinido, podendo ser substituídos polo mesmo procedemento empregado na súa designación.

Artigo 14. Substitucións de patróns

O prazo para cubrir as vacantes será de seis meses desde que se produciren.

A substitución dos patróns comunicarase formalmente ao Protectorado para a súa inscrición no Rexistro de Fundacións.

Artigo 15. Aceptación do cargo de patrón

Os patróns entrarán a exercer as súas funcións despois de teren aceptado expresamente o seu cargo.

Esta aceptación poderá constar no outorgamento da carta fundacional, en documento público independente, en documento privado con sinatura lexitimada por un fedatario público, mediante comparecencia realizada ante o Rexistro de Fundacións de Interese Galego, ou perante o padroado, acreditándose mediante certificación expedida pola secretaría.

A aceptación comunicarase formalmente ao protectorado para a súa inscrición no Rexistro de Fundacións.

Artigo 16.- Cesamento dos patróns

O cesamento dos patróns da fundación producirase nos supostos seguintes:

a) Por morte ou declaración de falecemento, así como por extinción da persoa xurídica.
b) Por incapacidade, inhabilitación ou incompatibilidade, de acordo co estabelecido na lei.
c) Por cesamento no cargo por razón do cal foron nomeados membros do padroado.
d) Por resolución xudicial que acolla a acción de responsabilidade polos actos de responsabilidade estabelecidos legalmente.
e) Polo transcurso do prazo de seis meses desde o outorgamento da escritura pública fundacional sen ter solicitado a inscrición no correspondente Rexistro de Fundacións.
f) Polo transcurso do período do seu mandato se foren nomeados por un determinado tempo.
g) Por renuncia, que poderá levarse a cabo por calquera dos medios e mediante os trámites previstos para a aceptación.
h) Así mesmo, e en relación ao cesamento, os patróns designados pola Presidencia do padroado, cesarán nos seus cargos por remoción acordada polo mesmo órgano.

A renuncia será efectiva desde o momento da súa toma de coñecemento polo órgano de goberno da fundación. Os patróns e membros da Fundación deberán cumprir as obrigas pendentes con anterioridade á perda da condición de membro.

O cesamento dos patróns comunicarase formalmente ao protectorado e inscribirase no Rexistro de Fundacións.

Artigo 17. O/A Presidente/a

Ao/Á presidente/a corresponde exercer a representación da Fundación perante toda clase de persoas, autoridades e entidades públicas ou privadas; convocará as reunións do padroado, presidiraas, dirixirá os seus debates e, se for o caso, executará os acordos, podendo para isto realizar toda a clase de actos e asinar aqueles documentos necesarios para tal fin.

Artigo 18.- O/A Vicepresidente/a

Corresponderá ao/á vicepresidente/a realizar as funcións do/a presidente/a nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade, podendo tamén actuar en representación da Fundación, por imposiblidade de actuación do/a Presidente/a e naqueles supostos que así se determinaren por acordo do padroado.

Igualmente, o/a vicepresidente/a poderá exercer por delegación do presidente do Padroado tódalas funcións que lle sexan legalmente delegábeis

Artigo 19. O/A Secretario/a

Son funcións do/a Secretario/a custodiar a documentación pertencente á Fundación, redixir as actas correspondentes ás reunións do padroado, expedir as certificacións e informes que foren necesarios, e todas aquelas que expresamente lle sexan atribuídas.

Artigo 20. Facultades do padroado

Na súa actuación, o padroado deberase axustar ao preceptuado na lexislación vixente e á vontade dos fundadores manifestada nestes estatutos.

Corresponde ao padroado cumprir os fins fundacionais e administrar con dilixencia os bens e dereitos que integran o patrimonio da Fundación mantendo plenamente o seu rendemento e utilidade.

É competencia do padroado o goberno, a representación e administración da Fundación, así como a modificación e interpretación dos presentes estatutos nos termos estabelecidos na lexislación vixente.

Con independencia das funcións que lle atribúen os presentes estatutos e sen prexuízo de solicitar, se for o caso, as preceptivas autorizacións ao protectorado, a título enunciativo, serán facultades do padroado:

  • Exercer o goberno, a representación, inspección, vixilancia e orientación da fundación.
  • Interpretar e desenvolver os presentes estatutos, se for o caso, adoptar acordos sobre a súa modificación, de acordo cos requisitos estabelecidos na lexislación vixente.
  • Fixar as liñas xerais sobre a distribución e aplicación dos fondos dispoñíbeis entre as finalidades da Fundación.
  • Acordar a abertura e pechamento dos seus centros, escritorios e delegacións.
  • Nomear apoderados xerais ou especiais, outorgar poderes así como a revogación dos mesmos.
  • Aprobar o plano de actuación e as contas anuais que serán obxecto de presentación ao protectorado.
  • Delegar as súas facultades nun ou en máis patróns sen que poidan se obxecto de delegación:
  • A aprobación das contas anuais e do plano de actuación
  • A alienación dos bens da Fundación
  • A modificación dos estatutos
  • O acordo de fusión, extinción ou liquidación da fundación
  • Calquera acto que precisar a autorización ou aprobación do protectorado.

Artigo 21. Reunións do Padroado e convocatoria

O Padroado reunirase, cando menos, dúas veces ao ano e tantas veces como for necesario para o adecuado funcionamento da Fundación.

Corresponde ao/á Presidente/a efectuar a correspondente convocatoria, quer sexa por iniciativa propia ou quer lle sexa solicitado, cando menos, polos 2/3 dos membros do Padroado.

As reunións do Padroado serán convocadas por calquera medio que permita deixar constancia da súa recepción, cunha antecedencia mínima de 5 días á súa celebración. Nesta convocatoria constará o lugar, data e hora da sesión, xuntándose, así mesmo, a orde do día.

Non obstante o prazo anteriormente asinalado, o Padroado poderá ser convocado, de forma extraordinaria e con carácter de urxencia, cunha antecedencia mínima de corenta e oito horas á súa celebración. Esta convocatoria haberá de reunir os mesmos requisitos que os sinalados para as reunións ordinarias.

Así mesmo, non será necesaria a realización de convocatoria algunha, cando se encontraren presentes todos os Patróns e acordaren, por unanimidade, a celebración da sesión.

Artigo 22. Constitución do Padroado e adopción de acordos

As reunións do Padroado quedarán validamente constituídas cando concorreren, presentes ou representados, o/a Presidente/a e o/a Secretario/a ou quen fixer as súas veces, e cando menos metade mais un dos seus membros.

Os acordos serán inmediatamente executivos e adoptaranse por maioría dos asistentes, sendo dirimente en caso de empate o voto do/a Presidente/a.

En todo o caso, requirirase o voto favorábel das dúas terceiras partes dos asistentes, sempre que ademais iso supoña a maioría absoluta dos membros do Padroado, para a aprobar acordos que se refiran á reforma ou modificación dos estatutos, á disposición de bens a título gratuíto, á fusión e á extinción da Fundación.

Das reunións do padroado levantarase polo/a secretario/a a correspondente acta, que deberá ser aprobada por tódolos membros presentes e aprobada na mesma ou seguinte reunión. Unha vez aprobada transcribirase no correspondente libro de actas e será asinada polo/a secretario/a co visto e prace do/a presidente/a.

Artigo 23. Dereitos e obrigas dos Patróns

Son dereitos dos membros do padroado:

Recibir a convocatoria coa orde do día e asistir ás xuntanzas dos órganos de que fagan parte.Exercer o dereito de votoObter a información precisa para o cumprimento das súas funcións.

Son deberes dos membros do padroado:

  • Cumprir e facer cumprir os fins fundacionais.
  • Administrar os bens e dereitos que integran o patrimonio da fundación mantendo o seu rendemento, utilidade e produtividade segundo os criterios económico-financeiros dun/ha bo/a xestor/a.
  • Acudir ás sesións a que sexan convocados, e velar pola legalidade dos acordos que nelas se adoptaren.
  • Realizar os actos necesarios para a inscrición da Fundación no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

O padroado dará información suficiente dos fins e actividades da Fundación para seren coñecidos polos seus eventuais beneficiarios e demais interesados

Artigo 24. Responsabilidades dos patróns

Os patróns deberán desempeñar o seu cargo coa dilixencia dun representante leal.

Os patróns responderán solidariamente perante a Fundación dos danos e perdas que causaren por actos contrarios á lei ou aos Estatutos, así como polos realizados sen a dilixencia coa que deben desempeñar o cargo. En todo o caso, ficarán exentos de responsabilidade aqueles que votasen en contra do acordo e aqueles que probaren que, non participando na súa adopción e execución, descoñecían a súa existencia ou coñecéndoa, fixeron todo o conveniente para evitar o dano ou, cando menos, se opuxeron expresamente a aquel.

Artigo 25. Gratuidade do cargo de patrón

Os Patróns exercerán o seu cargo sen que, en ningún caso, poidan percibir retribución polo desempeño da súa función.

Os Patróns terán dereito ao reembolso dos gastos debidamente xustificados en que incorresen por razón do desenvolvemento das súas funcións de membros do Padroado.

Artigo 26. Comité executivo

Crearase un Comité Executivo, integrado polos seguintes membros

O/A Vicepresidente/a da Fundación, que o presidiráNo seu caso, un patrón designado polo padroado de entre os representantes das entidades adheridas que fagan parte do PadroadoUn patrón designado polo padroado de entre os representantes da Universidade de Santiago de Compostela

 Actuará como secretario/a, o/a secretario/a da Fundación nas mesmas condicións que no padroado. Fará parte do Comité Executivo como órgano técnico, o Xerente da Fundación, con voz mais sen voto.

Este Comité Executivo exercerá por delegación do Padroado todas as funcións de xestión e administración efectivas, que lle sexan delegadas, de cara a unha operatividade e adecuación do cumprimento dos acordos, programas e obxectivos do Padroado.

Poderán asistir as reunións deste Comité Executivo como asesores, calquera membro do padroado ou alleos a este que sexan chamados polo/a seu/súa presidente/a.

Artigo 27. Xerente/a

O/a Xerente/a realizará a xestión das actividades fundacionais e executará os acordos dos órganos da Fundación. Proporcionará asesoramento e apoio ao padroado no seu labor, asumindo a coordinación de actividades internas e externas, así como de cantas funcións se lle asignaren.

Será nomeado/a polo padroado,a proposta do/a Presidente/a. Para desempeñar este cargo será condición non ostentar a cualidade de membro do padroado, e posuír solvencia técnica acreditada

Requerido polo Padroado, a/o Xerente/a asistirá ás súas reunións, con voz mais sen voto.

Artigo 28. Comités asesores e colaboradores da Fundación

O padroado poderá crear comités asesores, de estudo ou de traballo, así como órganos similares con funcións de apoio e asesoramento, para o mellor desenvolvemento dos fins fundacionais.

A creación destes órganos deberá ser notificado ao protectorado e inscrito no Rexistro de Fundacións

A Fundación poderá contar tamén coa participación de colaboradores que cooperarán coa mesma mediante os convenios ou acordos que se asinen.

En concreto, serán colaboradores aquelas administracións, universidades ou Institucións Públicas que estean interesadas en participar nas actividades que a Fundación realice.

O réxime de colaboración formalizarase no respectivo convenio de colaboración. Tamén poderán adquirir a condición de colaboradora, aquelas persoas físicas ou xurídicas privadas, en que a súa actividade estea relacionada cos fins da fundación.

A Fundación poderá subscribir con elas acordos ou convenios e convidar aos colaboradores a participar nos labores desenvolvidos por esta.

A adquisición da condición de colaborador farase efectiva por acordo expreso do Padroado, que poderá delegar esta competencia no Comité Executivo.

Título V. Réxime económico

Artigo 29. Patrimonio fundacional

Farán parte do patrimonio da Fundación toda a clase de bens, dereitos e obrigas, susceptíbeis de valoración económica que integraren a dotación, ou aqueles que adquira a Fundación con posterioridade á súa constitución, aféctense ou non á dotación. Uns e outros deberán figurar a nome da Fundación, constar no seu inventario e no Rexistro de Fundacións.

O padroado promoverá, so a súa responsabilidade, a inscrición a nome da Fundación dos bens e dereitos que integran o seu patrimonio nos rexistros públicos correspondentes.

Artigo 30. Dotación fundacional

A dotación fundacional confórmase por todos os bens e dereitos que constitúan a dotación inicial da Fundación, así como por aqueles outros que, no sucesivo, se aporten á mesma con este carácter.

Artigo 31. Adscrición do patrimonio fundacional

Os bens e dereitos que conforman o patrimonio da Fundación, así como as rendas que estes produzan e os ingresos que a Fundación poida obter, quedarán vinculados, de maneira directa e inmediata, ao cumprimento dos fins fundacionais.

Artigo 32. Financiamento da Fundación

A Fundación, para o desenvolvemento das súas actividades, financiarase cos seguintes recursos:

  • Os que, no seu caso, procedan do rendemento do seu patrimonio ou das axudas, subvencións ou doazóns que poida recibir de persoas ou entidades, públicas ou privadas.
  • Os que procedan dos ingresos que orixinen as súas actividades e servizos.

Artigo 33. Réxime financeiro

O exercicio económico coincidirá co ano natural.

A Fundación, ademais do Libro de Actas, levará necesariamente un Libro Diario e un Libro de Inventarios e Contas Anuais, e aqueloutros que se estimaren convenientes para a adecuada orde e desenvolvemento das súas actividades, así como para o adecuado control da súa contabilidade.

Na xestión económica-financeira a Fundación rexerase de acordo cos principios e criterios xerais determinados na normativa vixente.

Artigo 34. Elaboración do Plano de actuación e presentación das Contas anuais

O padroado elaborará e remitirá ao Protectorado nos últimos tres meses de cada exercicio un Plano de actuación no que se conteñan os obxectivos e as actividades que se teña previsto desenvolver no exercicio seguinte.

O padroado, ou a persoa que designar, formulará as contas anuais que deberán ser aprobadas polo padroado no prazo de seis meses desde o pechamento do exercicio económico, e presentaranse perante o Protectorado no prazo de vinte días hábiles seguintes á súa aprobación para o seu exame e posterior depósito no Rexistro de Fundación de Interese Galego.

As contas anuais, que comprenden balance,conta de resultados e memoria, forman unha unidade, deben ser redixidas con claridade e mostrar a imaxe fiel do patrimonio, da situación financeira e dos resultados da Fundación.

A memoria completará, ampliará e comentará a información contida no balance e na conta de resultados, e incorporará un inventario dos elementos patrimoniais da Fundación.

Ademais, incluirase na memoria as actividades fundacionais, as mudanzas no órgano de goberno, dirección e representación, así como o grao de cumprimento do plano de actuación, indicando os recursos empregados, a súa procedencia, o número de beneficiarios en cada unha das distintas actuacións realizadas, os convenios que no seu caso se subscribisen con outras entidades para estes fins, así como o grao de cumprimento do destino de rendas e ingresos.

Se a Fundación se encontrar dentro dos requisitos legais estabelecidos, os documentos anteriores someteranse a auditoría externa, remitindo ao protectorado o informe da mesma xunto coas contas anuais.

Título VI. Da modificación, fusión ou extinción

Artigo 35. Modificación estatutaria

Por acordo do Padroado poderán ser modificados os presentes Estatutos, sempre que iso resulte conveniente aos intereses da Fundación e se cumpran os requisitos previstos na lexislación vixente. Procederase á dita modificación cando as circunstancias que presidiron á constitución da Fundación tivesen mudado de tal xeito que esta non poida actuar satisfactoriamente de conformidade cos estatutos en vigor.

Para a adopción de acordos de modificación será necesario o voto favorábel das dúas terceiras partes dos asistentes á reunión, sempre que supoña maioría absoluta dos membros do padroado.

A modificación ou nova redacción dos estatutos acordada polo padroado deberá ser comunicada ao protectorado, formalizada en escritura publica e inscrita no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Artigo 36. Fusión con outra fundación

A Fundación poderase fusionar con outra ou outras, após o acordo dos respectivos padroados.

O acordo de fusión deberá ser aprobado co voto favorábel das 2/3 partes dos asistentes á reunión, sempre que supoña maioría absoluta dos membros do padroado.

A fusión requirirá comunicación ao protectorado, formalización en escritura publica e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Artigo 37. Extinción

A Fundación extinguirase polas causas e de acordo cos procedementos estabelecidos pola lexislación vixente.

Artigo 38. Liquidación e adxudicación

A extinción da Fundación determinará a abertura do procedemento de liquidación de acordo coa lei.

Os bens e dereitos resultantes da liquidación destinaranse as fundacións ou entidades non lucrativas, privadas ou públicas, que persigan os mesmos fins de interese xeral e que teñan afectados os seus bens, mesmo para o suposto da súa disolución, a consecución daqueles, consideradas como entidades beneficiarias do mecenado aos efectos previstos nos artigos 16 a 25, ambos inclusive, da Lei 49/2002, de 23 de decembro.

Corresponderá ao Padroado a designación das entidades receptoras dos bens obxecto da liquidación conforme aos criterios estabelecidos nos presentes Estatutos, de conformidade coa lexislación aplicábel.

A Fundación ten por finalidade principal a promoción, incentivo e desenvolvemento da actividade físico-deportiva universitaria.